O coñecido actor falou cos alumnos da súa traxectoria e de proxectos futuros
O pasado martes 20 de outubro, o CPR O Raio Verde recibiu a visita do actor ourensán Rubén Riós, que mantivo un encontro co alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Superior de Producción de Audiovisuais e Espectáculos e no que falou da súa experiencia persoal e da situación actual do sector audiovisual en Galicia. Riós, que tamén conta con experiencia na dirección e na produción, gravou unha entrevista para o espazo radiofónico que os alumnos de segundo curso están realizando e teñen previsto comezar a emitir o vindeiro mes de decembro.
No encontro, de algo máis dunha hora de duración, os alumnos puideron preguntarlle a Rubén Riós sobre diferentes cuestións. A maioría centráronse na súa traxectoria profesional, na súa experiencia no mundo da interpretación, tanto en cine (Pradolongo, Vilamor) como en televisión (Libro de familia, Matalobos, Piratas). Un dos aspectos que máis chamou a atención dos alumnos foron os seus inicios como actor, así como o casting para o papel que lle abriu as portas da televisión: Marcos de Libro de Familia, no que coincidiu con Manuel Liste, alumno de 2º curso do Raio Verde, que acudía á proba para outro personaxe da ficción.
Outro dos puntos que centrou o encontro, foi o paso de Rubén do mundo da interpretación ó da dirección e da producción. O actor falounos da súa experiencia pero no que máis quixo insistir foi no seu último proxecto, que todavía está pendente de estrea: o documental Máis ca vida, dedicado a persoas con problemas e discapacidades psíquicas. O proxecto, no que interveñen máis de 100 persoas, conta coa participación de importantes nomes do audiovisual galego e nacional, como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Luís Iglesia B. ou Sabela Arán.
O encontro-coloquio forma parte das actividades organizadas polo CPR O Raio Verde para achegar a realidade profesional do sector aos alumnos.