Os alumnos de O Raio Verde colaboran no programa “Come e fala” da Radio Galega

O espazo pode escoitarse os domingos de 13.00 a 14.00h 

Desde hai varias semanas, os alumnos de 2º curso do Ciclo Superior en Produción de Audiovisuais e Espectáculos, no marco da materia de “Produción de Radio”, están colaborando co programa “Come e fala” da Radio Galega. O espazo, Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2010, trata de achegarnos un pouco máis a gastronomía, a enoloxía, aos produtos e produtores, así como os cociñeiros da nosa comunidade.

 

A colaboración dos alumnos estase desenvolvendo en dous ámbitos. No apartado creativo, son eles mesmos os que realizan boa parte das entrevistas que poderemos escoitar no espazo. E no técnico, encárganse da realización dun programa destas características. Ademais, os alumnos están a traballar na recuperación dunha antiga sección do programa, “Paladar vivo”, na que afondarán nos gustos gastronómicos dos galegos e galegas mediante a realización de enquisas á xente da rúa.

 

Ata o de agora, tiveron que responder ás preguntas dos nosos alumnos o chef Alberto Lareo, o xornalista Luis Fraga, Alfonso Moldes de O Recuncho D’Fonso ou os cociñeiros Alex Veiga e Marisol Cisneros.

 

Xosé Manuel García, profesor da materia “Produción de Radio”, encárgase de conducir e dirixir este espazo que podemos escoitar todos os domingos, de 13.00 a 14.00h, na Radio Galega.

 

 

 Os alumnos traballan na produción dun novo programa

 

 

A experiencia no “Come e fala” está sendo tan satisactoria para os alumnos que xa están traballando nun novo espazo que teñen previsto comezar a emitir a partir do vindeiro mes de decembro. Este novo programa, que seguirá as liñas do magazine, emitirase a través da Internet e xa conta cun piloto gravado no que participa, como invitado, o xornalista Luis Fraga.